miércoles, 29 de julio de 2009

"A quen atenden os políticos?", publicado en La Voz de A Mariña (Foro Público, 30 de xullo de 2009)


A principios do ano 2008, os políticos fixéronnos chegar ás distintas asociacións veciñais, deportivas, empresariais, … un documento denominado “Estudio Informativo: Autovía de conexión entre San Cibrao y Barreiros”. Este tocho, elaborado por uns técnicos por encargo duns políticos, víñanos a mostrar por onde pensaban que podía pasar a autovía encargada. Sinalaban no informe os elementos históricos afectados, lugares protexidos, etc. Como anécdota do estudo, cando se refiren a camiños e patrimonio, din que este tipo de elemento “podrá ser detectado durante el trabajo de campo” (coidado, que non é o mesmo que “ir de campo”, como ben saben os que me aguantan o escrito). Quere por tanto dicir que o traballo debérono facer polo “Google Earth”. Os que non saben que é iso, pensen que é como Deus: que ven desde o ceo a paisaxe, pero non andan canda nós; agora eso si, poden pintar a autovía no mapa, sen preguntar nada a ninguén.

Cando recibimos o estudo, traducímolo do castelán ou do galego a román palatino, ou sexa, pegando os planos para ver por onde carallo pasa a autovía, así deixarnos de coñas marineras, con perdón dos mariñeiros, que non teñades medo que polo mar non vai ir, agora, eso si, ¡¡coidado cos eólicos!! que volos chantan como está mandado.

Os veciños amontoámonos arredor do plano. A min esto sempre me recorda a cando se lles botaba un brazado de herba seca ás vacas para que se foran entretendo mentres non as sacaban pastar ou lle daban o verde. O brazado de herba seca produce unha satisfacción relativa, posto que vai entretendo aos veciños: “¡¡Mira, hai tres trazados, a min cólleme non sei que, a fulanito non sei onde!!, ¡¡carallo, a min jódenme a casa!!”.

Pero ninguén pensa realmente do que estamos a falar, como aquela velliña sorda, que dormitando nun velatorio, cando se estaba rezando o rosario e o cura lía a letanía na casa do finado arredor da lareira, esperta e di: “¿Pero de que carallo falades?”. Pois aquí o mesmo, estamos durmindo e cando nos botan o brazado de herba seca espertamos, sen saber exactamente de que nos falan: de trazados, de alternativas, de estudos xeóxicos, económicos… Por certo, serven os mesmos para calquera estudo, cámbianse os dados soamente.

Neste momento, cando os veciños falamos, falamos de verdade, é dicir, co corazón na man. Poñémonos en contacto con outros veciños afectados, plantexando outra alternativa, ou sexa, facéndolles o traballo aos políticos (refírome aos políticos da política, non aos parentes da muller), que son os nosos representantes, aínda que algúns están “acabicornados”. Pois ben, despois de que os veciños representantes de varias asociacións propuxeran un trazado alternativo consensuado, que aproximaba a autovía a Lourenzá e a O Valadouro, mandando os correspondentes escritos aos diferentes organismos implicados, señores, ¡ni puto caso! (con perdón). E logo, ¿por que nos preguntan? Señores políticos: a decisión é súa e non dos técnicos, os técnicos fan o que lles mandan, por iso cobran ¿ou?, ¿é o inxenieiro o que vai variar o trazado?

Eu teño unha pregunta, e está por ver si alguén me da unha resposta que non sexa dos anos setenta (cando se instalou na Mariña “Alúmina Aluminio”). As xeracións futuras, que ven que o futuro e o presente da Mariña é eminentemente turístico e de servizos, tamén necesitan unha resposta, resposta que ten que ir acorde co século XXI. E a pregunta é a seguinte: se coa infraestructura actual, despois de rematada a A-8 a dez kilómetros de Burela, xa sen falar de Foz (porque non entendo que alguén deste concello queira semellante monstruo pasando pola porta, cando ten o enlace co resto do “mundo mundial” a catro kilómetros), ¿para qué os beneficia outra autovía?

Falaba o meu bo amigo Suso do Bahía no diario “El Progreso” de outras propostas recentes dos veciños de San Martiño, ás que non se lles fixera caso. Pero eu aínda vou máis aló: imaxinemos que se construíra a celulosa en Fazouro ou a central nuclear de Regodela en Xove. Pois, meus queridos amigos, daquela eran tamén os políticos os que as querían e fomos os veciños, uns aquí e outros dende outros lares, os que nos opuxemos; e daquela era a época de Franco, non o da churrería de Lugo ¿eh? Se se chegaran a facer esas obras, si teríamos a autovía que algúns queren. Pero eu pregúntome ¿cambiarían o Foz actual e o sabor de todo o seu entorno polo que sería o resultado daquelas obras?. E outra cousa: as empresas, si duran cen anos, que se dean cun canto nos dentes, pero a autovía seguirá dividindo parroquias e xentes polos séculos dos séculos.

Polo tanto, señores políticos: defendan o trazado da autovía proposto polos veciños, falen con eles e contesten razoadamente se a consideran necesaria. No momento actual eu non, polo tanto digo ben claro e ben alto ¡¡NON Á AUTOVÍA!!, nin por San Martiño nin por ningún outro magnífico paraxe creado pola natureza durante millóns de anos, pois nesta zona co remate da A-8, quedamos perfectamente servidos; e igual que digo NON Á AUTOVÍA, digo SÍ á mellora da estrada actual e variantes nas zonas urbáns por onde pasa actualmente. Así, señores políticos, farán o que deben facer: gastar os cartos de todos nós, non os seus, da mellor maneira posible, elaborando e realizando os presupostos. Para iso están, coa sorte de que están durante catro anos (nas empresas, si realizan os presupostos mal, non están tanto).

E dito sen desprezar ás opinións contrarias, despídome simplemente dicindo: e que eu son así.


Enrique Díaz. (San Martiño)
Leer más...

Autovía por San Martiño NON

Este blog créase para dar apoio a aqueles que están tratando de evitar que se cometa unha barbaridade a nivel ecolóxico, cultural e patrimonial, como é o paso da autovía Barreiros-San Cibrao pola parroquia de San Martiño, magnífico paraxe creado pola natureza durante millóns de anos. Un erro irreparable que aínda se pode evitar.

Como as seccións de cartas ao director dos medios de comunicación non dan sempre acollida aos escritos enviados (por falta de espazo, ou de todo o demáis), aquí colgaremos os que cheguen á dirección por.aqui.non@gmail.com

Un saúdo,

Autovía por San Martiño NON
Leer más...