miércoles, 18 de noviembre de 2009

Manda carallo

Dúas novas publicadas na Voz:

- El arrastre de tierra de las obras de la autovía enturbia el agua que llega a hogares de Barreiros y Foz (http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2009/11/18/0003_8114634.htm). Nesta, podedes facervos unha idea de cómo quedarán os arredores da basílica e o resto da parroquia de San Martiño, unha das xoias da natureza máis marabillosas de Foz e da provincia, cando o cacho da autovía que tanto defenden algúns comece a construirse (si comeza!). Todo emporcallado e feito unha merda (con perdón, pero con razón). Non sei si todos neste concello o saben, pero as autovías non son como os Playmobil, que colles a granxa e o barco e os pos donde che peta, caen do ceo. A construcción das autovías haina que sufrir. Nós, a basílica, e os habitantes de todo San Martiño (habitantes que, por si non está claro, seguirán tendo a incorporación á autovía maís próxima na Espiñeira, non no Cano dos Mouros, como pensa algún...).

- El Estado confirma a Rivera que invertirá 200.000 euros para convertir en museo la rectoral de San Martiño
(http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2009/11/18/0003_8113577.htm)
Esta outra noticia é moi boa. Convertirán a rectoral nun museo con centro de estudios. Traducción simultánea: o estado invirte unha gran cantidade de pasta en acondicionar a basílica, en dotala cultural, turística e incluso "relixiosamente". E confírmallo a quen apoia a construcción de un viaducto a menos de 300 metros dela.

Ao colectivo anónimo creador deste blog ocorrenselle moitos calificativos que describen a quenes se erixen en portavoces e firmes defensores de tales contradiccións á vez (calificativos que nos gardamos para o ámbito privado), e a este colectivo anónimo só se lle ocorre unha expresión: MANDA CARALLO.

Leer más...

miércoles, 11 de noviembre de 2009

Habemus planos

Por fin se poden descargar os planos do trazado desde a web do Concello. Ao mellor se debeu á paciencia dun dos nosos amigos anónimos, que enviou varios e-mails ao concello suplicando que colgaran na web os planos do trazado de unha santísima vez. Non sabemos si foi por eso ou por outra cosa, pero os planos apareceron nun PDF de 20 megas que podedes descargar aquí http://www.concellodefoz.es/avisos.php?idAviso=30 . Nuns días poñeremos no blog fotos dalgúns dos lugares que machacaría a autovía en caso de construirse.

E aqui vos deixamos o correo que enviou este amigo anónimo ao concello, agradecendo o xesto e facendo un par de comentarios máis.

"Quería agradecer que finalmente puxeran os planos do trazado, esto facilitará o coñecemento do mesmo a toda a xente.

Agora só falta que alguén encontre un razoamento lóxico de por que se quere que a autovía se achegue a Foz, que si xa asusta no papel, cómo o fará na realidade. Por non pararse a pensar xa no tempo que esteña en obras: movemento de augas, movemento de terras, ruído, etc, etc.

E todo isto para pasar de ter o acceso á autovía a 5 minutos en lugar de a 15. Realmente merece a pena perder tanto para aforrar 10 minutos da nosa vida diaria...

Non hai por que plagar toda a terra de vías rápidas, o importante e que as que haxa esteñan ben vertebradas por boas carreteiras secundarias, que é o que tería que defender o Concello.

Dedicarse a fomentar a nosa paisaxe e a nosa historia para atraer turismo ao longo de todo o ano e non vivir sempre entorno aos meses de xullo e agosto é o que se debería facer dende o Concello e non apoiar o feito de que no lo pisen con asfalto sen levantar a voz."


AUTOVÍA POR SAN MARTIÑO NON Leer más...

A basílica, só unha das miles de cousas que se deberían ter en conta


Non queda moi ben este cartelón xusto ao lado da basílica... non é nada bonito chantarllo alí embaixo.

PEOR LLE SENTARÁ UN MONSTRO DE ASFALTO A MENOS DE 300 METROS.

Polo menos desde o VIADUCTO DO CENTIÑO o conductores poderán ver a basílica desde unha boa perspeciva a 40 metros do chan. Nunca tal viron os turistas.
Leer más...

miércoles, 14 de octubre de 2009

Peticións desde o anonimato


Saúdos,

escribimos esta entrada co obxectivo de facervos saber que seguimos discurrindo cousas que facer en prol da causa que nos ocupa. E xa que estamos, queremos pedirvos a todos aqueles que nos visitades un favor e medio:

En primeiro lugar, facédenos saber todo o que se vos pase pola cabeza e que creades que nos poida servir para dar a coñecer a monstruosidade que as nosas autoridades deron en facer (é o que ten trazar autovías desde despachiños na metrópole). E avisádenos si alguén se presta a colaborar con nós. Xa recibimos algún correo e algún comentario dándonos ideas, agradecémolos moito e estamos estudiando as nosas posibilidades como colectivo anónimo para facer algunhas desas cousas.

En segundo lugar, déixovos aquí a imaxe deste blog. Imprimídea e pegádea donde máis vos guste e donde máis se vexa (non faremos suxerencias, que cada quen utilice a súa imaxinación... sempre dentro da legalidade, claro está).

Por desgraza probablemente este ano non poderemos disfrutar das archicoñecidas FESTAS DE SAN MARTIÑO. Neste blog non podemos estar en todo co que non nos quedará máis remedio que celebrar o San Martiño cada un na súa casa.

San Martiño non necesita monstruos de cemento, grazas. Chéganos con xoias do románico.

Próximamente teredes novas nosas.

AUTOVÍA POR SAN MARTIÑO NON.
Leer más...

martes, 25 de agosto de 2009

Máis apoios


"Amigos del Románico también rechaza que la autovía pase frente a San Martiño", según publica hoxe la Voz de A Mariña. Este VENRES 28 (NON o Sábado 29, como publica tamén a Voz) a mediodia, esta Asociación fará pública a súa opinión nunha conferencia, na Casa da Cultura de Foz.
Ademáis do impacto negativo sobre a basílica que terá a autovía, desde este blog tamén insistimos no impacto ecolóxico e paisaxístico que terá esta animalada nunha parroquia das máis atractivas, ecolóxica e paisaxísticamente falando, de Foz e da Mariña.
Os turistas non teñen porqué ver a basílica desde a autovía. As autovías non son paseos marítimos (eses que tanto gustan por esta zona), non teñen porqué levar ao turista á porta do hotel, á porta da basílica, á pasarela de Llas... os turistas poden perfectamente, e incluso aprecien, dar un agradable paseo por unha carretera secundaria ata o destino das súas vacacións.
E si o turista prefire para as súas vacacións pisar o que nun tempo foi o Cano dos Mouros, aderezar con tráfico a 120 por hora os arredores da capilla do Carme e da Basílica de San Martiño, ou mandarlle un bico de mariposa coa man ao Bispo Santo mentras reduce para decidir si aterriza diante do Mercadona ou na area de Llas... entonces preferimos que ese turista siga camiño, e que non volva.
Un saúdo, vémonos o venres na Casa da Cultura.
Leer más...

miércoles, 29 de julio de 2009

"A quen atenden os políticos?", publicado en La Voz de A Mariña (Foro Público, 30 de xullo de 2009)


A principios do ano 2008, os políticos fixéronnos chegar ás distintas asociacións veciñais, deportivas, empresariais, … un documento denominado “Estudio Informativo: Autovía de conexión entre San Cibrao y Barreiros”. Este tocho, elaborado por uns técnicos por encargo duns políticos, víñanos a mostrar por onde pensaban que podía pasar a autovía encargada. Sinalaban no informe os elementos históricos afectados, lugares protexidos, etc. Como anécdota do estudo, cando se refiren a camiños e patrimonio, din que este tipo de elemento “podrá ser detectado durante el trabajo de campo” (coidado, que non é o mesmo que “ir de campo”, como ben saben os que me aguantan o escrito). Quere por tanto dicir que o traballo debérono facer polo “Google Earth”. Os que non saben que é iso, pensen que é como Deus: que ven desde o ceo a paisaxe, pero non andan canda nós; agora eso si, poden pintar a autovía no mapa, sen preguntar nada a ninguén.

Cando recibimos o estudo, traducímolo do castelán ou do galego a román palatino, ou sexa, pegando os planos para ver por onde carallo pasa a autovía, así deixarnos de coñas marineras, con perdón dos mariñeiros, que non teñades medo que polo mar non vai ir, agora, eso si, ¡¡coidado cos eólicos!! que volos chantan como está mandado.

Os veciños amontoámonos arredor do plano. A min esto sempre me recorda a cando se lles botaba un brazado de herba seca ás vacas para que se foran entretendo mentres non as sacaban pastar ou lle daban o verde. O brazado de herba seca produce unha satisfacción relativa, posto que vai entretendo aos veciños: “¡¡Mira, hai tres trazados, a min cólleme non sei que, a fulanito non sei onde!!, ¡¡carallo, a min jódenme a casa!!”.

Pero ninguén pensa realmente do que estamos a falar, como aquela velliña sorda, que dormitando nun velatorio, cando se estaba rezando o rosario e o cura lía a letanía na casa do finado arredor da lareira, esperta e di: “¿Pero de que carallo falades?”. Pois aquí o mesmo, estamos durmindo e cando nos botan o brazado de herba seca espertamos, sen saber exactamente de que nos falan: de trazados, de alternativas, de estudos xeóxicos, económicos… Por certo, serven os mesmos para calquera estudo, cámbianse os dados soamente.

Neste momento, cando os veciños falamos, falamos de verdade, é dicir, co corazón na man. Poñémonos en contacto con outros veciños afectados, plantexando outra alternativa, ou sexa, facéndolles o traballo aos políticos (refírome aos políticos da política, non aos parentes da muller), que son os nosos representantes, aínda que algúns están “acabicornados”. Pois ben, despois de que os veciños representantes de varias asociacións propuxeran un trazado alternativo consensuado, que aproximaba a autovía a Lourenzá e a O Valadouro, mandando os correspondentes escritos aos diferentes organismos implicados, señores, ¡ni puto caso! (con perdón). E logo, ¿por que nos preguntan? Señores políticos: a decisión é súa e non dos técnicos, os técnicos fan o que lles mandan, por iso cobran ¿ou?, ¿é o inxenieiro o que vai variar o trazado?

Eu teño unha pregunta, e está por ver si alguén me da unha resposta que non sexa dos anos setenta (cando se instalou na Mariña “Alúmina Aluminio”). As xeracións futuras, que ven que o futuro e o presente da Mariña é eminentemente turístico e de servizos, tamén necesitan unha resposta, resposta que ten que ir acorde co século XXI. E a pregunta é a seguinte: se coa infraestructura actual, despois de rematada a A-8 a dez kilómetros de Burela, xa sen falar de Foz (porque non entendo que alguén deste concello queira semellante monstruo pasando pola porta, cando ten o enlace co resto do “mundo mundial” a catro kilómetros), ¿para qué os beneficia outra autovía?

Falaba o meu bo amigo Suso do Bahía no diario “El Progreso” de outras propostas recentes dos veciños de San Martiño, ás que non se lles fixera caso. Pero eu aínda vou máis aló: imaxinemos que se construíra a celulosa en Fazouro ou a central nuclear de Regodela en Xove. Pois, meus queridos amigos, daquela eran tamén os políticos os que as querían e fomos os veciños, uns aquí e outros dende outros lares, os que nos opuxemos; e daquela era a época de Franco, non o da churrería de Lugo ¿eh? Se se chegaran a facer esas obras, si teríamos a autovía que algúns queren. Pero eu pregúntome ¿cambiarían o Foz actual e o sabor de todo o seu entorno polo que sería o resultado daquelas obras?. E outra cousa: as empresas, si duran cen anos, que se dean cun canto nos dentes, pero a autovía seguirá dividindo parroquias e xentes polos séculos dos séculos.

Polo tanto, señores políticos: defendan o trazado da autovía proposto polos veciños, falen con eles e contesten razoadamente se a consideran necesaria. No momento actual eu non, polo tanto digo ben claro e ben alto ¡¡NON Á AUTOVÍA!!, nin por San Martiño nin por ningún outro magnífico paraxe creado pola natureza durante millóns de anos, pois nesta zona co remate da A-8, quedamos perfectamente servidos; e igual que digo NON Á AUTOVÍA, digo SÍ á mellora da estrada actual e variantes nas zonas urbáns por onde pasa actualmente. Así, señores políticos, farán o que deben facer: gastar os cartos de todos nós, non os seus, da mellor maneira posible, elaborando e realizando os presupostos. Para iso están, coa sorte de que están durante catro anos (nas empresas, si realizan os presupostos mal, non están tanto).

E dito sen desprezar ás opinións contrarias, despídome simplemente dicindo: e que eu son así.


Enrique Díaz. (San Martiño)
Leer más...

Autovía por San Martiño NON

Este blog créase para dar apoio a aqueles que están tratando de evitar que se cometa unha barbaridade a nivel ecolóxico, cultural e patrimonial, como é o paso da autovía Barreiros-San Cibrao pola parroquia de San Martiño, magnífico paraxe creado pola natureza durante millóns de anos. Un erro irreparable que aínda se pode evitar.

Como as seccións de cartas ao director dos medios de comunicación non dan sempre acollida aos escritos enviados (por falta de espazo, ou de todo o demáis), aquí colgaremos os que cheguen á dirección por.aqui.non@gmail.com

Un saúdo,

Autovía por San Martiño NON
Leer más...